O avogado belga Paul
Otlet, é considerado un dos pais da ciencia da Bibliografía e a Documentación,
xunto co tamén belga Henri La Fontaine. A repercusión dos seus traballos e
actividades, veríase reflectida nunha transcendental corrente investigadora e
gnoseolóxica por todo o mundo até os nosos días.
Paul Marie Ghislain Otlet, naceu en Bruxelas o 23 de agosto de 1868. A súa formación e os seus estudos superiores desenvolvéronse na Universidade de Lovaina en París; onde estudou Dereito, Socioloxía e Economía Política. Aquí chegou a adquirir unha reseñable reputación como bibliógrafo de prestixio. Paul Otlet é historicamente coñecido por ser o fundador do Instituto Internacional de Bibliografía.
As inquietudes de Paul Otlet centrábanse na organización lóxica e racional de tódalas ideas e principios, que como positivista e estudioso da doutrina científica, adquirira co paso do tempo durante o seu periplo universitario. As súas achegas foron recollidas na Sociedade de Estudos Sociais e Políticos fundada en Bruxelas en 1891, na cal coñeceu ao que sería máis tarde o seu compañeiro documentalista, o tamén xurista Henri La Fontaine (1853-1943). Xuntos colaboran na constitución do Instituto Internacional de Bibliografía en 1895, onde se plasmarán os pensamentos de Otlet (inspirados polo profesor e prestixioso avogado Edmond Picard) ao redor da suma dos coñecementos e ideas como motor da ciencia, a importancia da orixinalidade e da inventiva, ademais da publicación das ideas en termos de calidade e non cantidade.
Estas iniciativas eran revolucionarias no século XIX, e actualmente forman parte dos valores e parámetros que a documentación moderna ten no seu código de traballo. De feito, Paul Otlet expuña que sen un procedemento que permitise tratar os documentos e publicacións científicas, corríase o risco de duplicar os traballos. Isto sucedería especialmente nas ciencias humanas e sociais, posto que os seus resultados non son tan sistemáticos como os das ciencias naturais ou puras. Para solucionar o devandito problema, os dous avogados pacifistas propoñen varias solucións:
1- A primeira delas sería establecer unha clasificación científica das fontes.
2-A segunda, máis complexa que a anterior, trataría de elaborar un catálogo das fontes que incluíse indización e resumo de cada unha delas.
Baixo estas directrices, Otlet e La Fontaine inician un importante traballo de bibliografía das ciencias para tratar de recompilar, organizar e clasificar as fontes científicas, incluíndo aquelas publicacións primarias. Este traballo continuo e inacabado, deu como resultado a aparición do concepto de coñecemento científico por acumulación. A partir deste momento, os dous publican diversos repertorios de lexislación, ciencias sociais e estatística. Tamén incorporan un vasto repertorio de autores relacionados coas fontes dos repertorios anteriores, o cal posibilita a consulta por autor. Aínda que a bibliografía é coñecida e elaborada desde que existen documentos manuscritos; a relevancia das bibliografías e repertorios de Otlet e La Fontaine, radica na aplicación dun método bibliográfico á investigación científica, a diferenza das bibliografías anteriores. En resumo, Otlet e La Fontaine desenvolven o que se coñecerá despois como o repertorio ou bibliografía científica.
Seguindo esta dinámica de cambios no panorama da información e a bibliografía, sucédense varios acontecementos fundamentais na xénese da documentación como ciencia e obxecto de estudo:
É a finais do século XIX cando Paul Otlet accede á primeira invención en clasificacións bibliográficas; trátase da Clasificación Decimal de Melvil Dewey ou Clasificación Dewey (DDC) inventada por este norteamericano en 1876. Paul Otlet perfecciona o método da clasificación decimal universal de Dewey con varias innovacións como o emprego dunha notación relativa decimal ou símbolos para a combinación das diversas numeracións. Estas melloras e innovacións traducíronse na publicación da Clasificación Decimal Universal, máis coñecida como o CDU.
A nova clasificación permitía a subdivisión das materias e áreas de coñecemento de maneira ilimitada, respondendo ao principio de orde do coñecemento. Isto supuxo o caldo de cultivo dunha nova disciplina científica, que posteriormente se redefiniría como documentación, e a toma de conciencia dun traballo a gran escala, o proxecto RBU ou Repertorio Bibliográfico Universal.
Xa en vésperas da I Guerra Mundial, o Instituto produce xa un repertorio bibliográfico e iconográfico universal, un catálogo central de bibliotecas e numerosos arquivos documentais internacionais; establecendo tamén unha Biblioteca Internacional e un Museo Internacional de métodos documentais. Ademais do desenvolvemento do Instituto e da construción dunha ciencia da documentación, Otlet e La Fontaine fomentan a creación en 1910, da Oficina Central da Unión de Asociacións Internacionais co obxectivo de agrupar nunha rede “las instituciones, federaciones, ligas, congresos,
institutos, comisiones, oficinas permanentes, etc.., creadas en el transcurso
de los últimos 50 años”, garantindo así “ la cooperación y la coordinación de los
esfuerzos con vistas a la reunión de todos los sistemas particulares de unificación
y unidades en un sistema general”(La Fontaine y Otlet,1912)
Unha idea que tiña Otlet, era facer do mundo enteiro unha soa cidade e de todos os pobos da terra unha soa familia (Otlet, 1919). Para facer posible esta utopía do Palais Mundial ou Mundaneum, Paul Otlet pelexa en Bruxelas e en Xenebra até asociarse con outras personalidades da época como o arquitecto, deseñador e pintor Le Corbussier. Movido por unha ambición aínda maior, expón un proxecto de Sociedade Intelectual de Nacións para paliar as deficiencias da Sociedade de Nacións. De feito, o programa de Otlet superaba os 14 puntos de Wilson e aconsellaba a composición dunha Sociedade de Nacións na que puidesen intercambiarse diferentes proxectos políticos, pero con preferencia proxectos culturais.
Transcorría o ano 1944 cando Paul Otlet faleceu, un ano máis tarde que o seu amigo e compañeiro de actividades bibliográficas e internacionalistas, Henri La Fontaine. Nos seus anos de existencia, Otlet apenas se concedeu repouso algún; incluso o mesmo día en que morreu, estivo a traballar duro até as sete da tarde co seu novo axudante e compañeiro Georges Lorphévre.
A súa vida foi sen dúbida, unha vida plenamente dedicada á humanidade e á cultura: fundou e organizou asociacións e institutos para promover a expansión do coñecemento intelectual, e para situalo na política dun novo mundo. Bibliógrafo utópico e visionario, Paul Otlet imaxinou e describiu o uso de máquinas aínda sen inventar.
BIBLIOGRAFÍA DO TRABALLO:
Fontes:
-MATTELART, Armand: Historia de la sociedad de la información. Nueva
edición revisada y ampliada, Barcelona, Paidós, 2007.
Fontes dixitais:
-ARNAU, Pilar. “Transcendencia
de la vida y obra de Paul Otlet” [en línea]. Doctora en Ciencias de la
Información, Revistas
Científicas Complutenses, Universidad Complutense de Madrid
(España) Madrid, 1995. <http://revistas.ucm.es/byd/11321873/articulos/RGID9595220153A.PDF
> [Consulta 23 de noviembre de 2012]
-BLÁZQUEZ OCHANDO,
Manuel. “Paul Otlet y Henri La Fontaine: Los Comienzos” [en
línea]. Historia de la
Ciencia de la Documentación, febrero de 2008, < http://ccdoc-histccdocumentacion.blogspot.com.es/2008/02/06-paul-otlet-y-henry-la-fontaine.html
> [Consulta 23 de noviembre de 2012]
No hay comentarios:
Publicar un comentario