domingo, 18 de noviembre de 2012

A documentación e as novas tecnoloxías no cinema


1.DEFINICIÓN:
Primeiramente, debemos definir o recurso documental que nos permite preservar películas e documentais xa elaborados; evitando así que se perdan co paso do tempo. Este instrumento denomínase filmoteca, e podemos definilo coma o arquivo especializado na catalogación, na conservación (se cadra tamén restauración) e na consulta de documentos cinematográficos. Sen dúbida, unha maneira particular de gardar aqueles materiais documentais, que son á vez o soporte dunha fonte audiovisual de información e unha forma de expresión artística en si mesma (o cinema). Tamén chamamos filmoteca, o lugar concreto onde se almacenan filmes ordenados para a súa conservación, exhibición e estudo.

2.ORIXE:
As primeiras filmotecas xorden co propósito de conservar como patrimonio histórico-cultural, aquelas películas que perderan o seu valor comercial ao deixar de ser proxectadas nas salas de cinema e nos locais culturais. A necesidade de arquivar o material filmado, para a súa posterior análise, estruturación e recuperación,  aparece coa chegada do cinema sonoro. Isto desembocou nunha progresiva marxinación das salas comerciais do cinema mudo, a partir de 1930.

3. SINGULARIDADES  DOS ARQUIVOS CINEMATOGRÁFICOS:
En base os estudos de Alfonso del Amo, xefe de investigación dos fondos fílmicos da Filmoteca Española, podemos destacar esta serie de peculiaridades nos arquivos documentais de cinema:

1) Como sinala o autor, os arquivos cinematográficos diferéncianse de case todos os demais por unha característica fundamental: A organización. Nos andeis dos almacéns dunha filmoteca non están as películas, tan só os rexistros; a través de cuxo visionado e utilizando os equipos adecuados poderemos acceder ás obras da cinematografía.

2) Daquela, a conservación da cinematografía esixe da conservación de dous tipos de materiais distintos: os rexistros que conteñen a información e os equipos que permiten acceder a ela.
Se os rexistros deterióranse, é evidente que se perderá información; pero se os equipos modifícanse ou desaparecen, a perda de información pode ser moito máis drástica e prexudicial.

3) O cinema funciona sobre unha longa cadea de reproducións.  Así que traballamos sobre reproducións; e isto debe articular a nosa actuación.

4) Segundo afirma Alfonso del Amo, o proceso que sigue esta orde diacrónica: Realidade --> Filmación --> Negativo --> Positivo --> Proxección  --> Percepción representa só unha simplificación, do que pode chegar a ser a cadea de reproducións (ou duplicacións) na actividade dun arquivo cinematográfico. Cada unha destas etapas (digamos que cada frecha) representa o uso de equipos, técnicas e sistemas de traballo complexos, que foron e están sendo modificados constantemente.

5) Cada modificación dos equipos ou dos métodos de traballo, pode representar unha modificación das obras cinematográficas contidas nos rexistros que tan coidadosamente conservamos.
Isto xa ocorreu no pasado, nas primeiras filmotecas nacidas durante os anos 30. Estas filmotecas pretendían conservar o cinema mudo, pero como non puideron conservar os equipos e os sistemas de traballo sobre os que funcionaba o cinema mudo; introduciron cambios fundamentais na nosa percepción desa determinada cinematografía. Nalgunha medida contribuíron a “falsificala” ou “intoxicala”.

6) Un arquivo cinematográfico que se dedique, exclusiva e esmeradamente a conservar as películas, é posible que non logre conservar as obras cinematográficas as que pertencen eses filmes. De feito,  un arquivo cinematográfico que conserve as películas desconectadas do medio técnico no que se produciron, estará a actuar como un coleccionista e non como un arquivo.

7) Percíbese tamén no cinema, outra característica que o diferenza das demais actividades documentais que se resolven na produción de rexistros archivables; e é que o cinema non funciona sobre o material orixinal. A única propiedade atribuíble ao negativo orixinal, é que el é o primeiro material almacenable e sobre el empeza unha cadea de reproducións, que terminará cando a obra cinematográfica volva ser reproducida ante os ollos dun usuario concreto.


4.OBXECTIVO PRINCIPAL DOS ARQUIVOS CINEMATOGRÁFICOS:
Co visto ate o de agora somos capaces de deducir o obxectivo principal do arquivo de cinema: Conseguir que a cadea de reproducións funcione ata o final, para que as obras cinematográficas chéguennos tal coma foron realizadas orixinalmente.


5.EXEMPLO DE FILMOTECA: CINEDOCNET.com
CINEDOCNET.com é un sitio sobre documentación-xestión da información cinematográfica; unha actuación académica no ámbito do Servizo de Documentación Multimedia, da Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid. CINEDOCNET.com se sitúa como a primeira lista de distribución electrónica sobre documentación cinematográfica española na era dixital. Este servizo atópase vinculado desde 1993, á Área de tratamento e difusión da información do Departamento de Biblioteconomía e Documentación da citada facultade (www.ucm.es/info/multidoc).
O obxectivo prioritario desta ferramenta universitaria  electrónica, é documentar a produción, difusión, formación, investigación, conservación e recuperación do cinema español; en estreita relación coas tecnoloxías dixitais aplicadas á comunicación cinematográfica. Esta lista aberta está suxeita á colaboración e á participación como punto de encontro de: cineastas, profesionais e institucións cinematográficas; investigadores, xornalistas, críticos; programadores, historiadores, docentes, bibliotecarios e documentalistas... todos eles vinculados dunha ou outra forma, ao ámbito do cinema en España . Por outro lado, a lista ten a intención de servir de instrumento de difusión informativa a nivel global, do patrimonio cinematográfico español na actual sociedade da información.
Os recursos de CINEDOCNET.com aparecen estruturados en cinco grandes bloques temáticos, abertos en todo momento ás contribucións dos participantes:
a)      Produción, postproducción, distribución e exhibición; é dicir, bases de datos electrónicas, hardware e software.

b)      Difusión informativa. Isto abrangue: medios de comunicación, servizos e centros de información e documentación, outras institucións informativas (produtoras e distribuidoras, festivais, congresos, asociacións e federacións, grupos de investigación, premios...);

c)      Formación: novas metodoloxías, tanto de ensino como de aprendizaxe.

d)     Investigación, entendendo isto como teses doutorais, estudos monográfico-documentais multimedia, linguaxes documentais, sistematización automatizada de contidos, fontes de información, fontes documentais para profesionais...

e)      Conservación e recuperación do patrimonio cinematográfico: arquivos, bibliotecas e centros de documentación, filmotecas, museos e outras institucións especializadas.


BIBLIOGRAFÍA DO TRABALLO:
Fontes dixitais:
-AMO GARCÍA, Alfonso del. “Notas para el diseño de un archivo cinematográfico”[en línea]. Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales Filmoteca Española. (España) Alicante, 2001. <http://www.cervantesvirtual.com/servlet/SirveObras/07037393166869351932268/indice2.htm > [Consulta: 18 noviembre 2012]
-SEDIC, Asociación Española de Documentación e Información, (España). Archivos fílmicos.Los materiales cinematográficos y su procesamiento documental [en línea]. Descripción de cursos presenciales en la página web de la SEDIC. Última fecha de actualización: 25 de marzo de 2008 <http://www.sedic.es/f_cursosm-descripcion_08_1tr11.asp > [Consulta: 18 de Noviembre 2012]
- ARELLANO PARDO, Mª del Carmen. “Tema 12. Documentación Audiovisual (I): la documentación en televisión y cine” [en línea]. Documentación Informativa, Universidad Rey Juan Carlos. (España)  Madrid, 2009.  <http://www.fcjs.urjc.es/paginas/carellan/tema12.html#1> [Consulta: 18 de Noviembre 2012]
- LÓPEZ YEPES, Alfonso. Presentación CINEDOCNET.com [en línea]. Página web CINEDOCNET.com, Facultad de Ciencias de la Información de la Universidad Complutense de Madrid (España)   Madrid, 2012. <http://www.cinedocnet.com/p/presentacion.html > [Consulta: 18 de Noviembre 2012]

No hay comentarios:

Publicar un comentario